Un Samaín de lenda: os Ancares toman a Hora de Ler!
O pasado venres de Samaín, ás dez da mañá, as lendas da nosa terra entraron en todas as aulas do IES de Becerreá. A biblioteca, en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDL), preparou unha Hora de Ler especial, na que a tradición oral, a lectura e o misterio se deron a man.
O alumnado de todos os cursos gozou coa proxección de A Corza Branca e O demo nos Ancares, dous traballos realizados por antigos alumnos e alumnas do EDL. As historias gustáronlle moito á rapazada e permitiron recuperar e compartir o traballo de quen xa pasou polo centro, mantendo vivo ese vínculo entre xeracións.
A sesión completouse coa lectura en voz alta doutras dúas lendas da zona, O coxo das Veigas e a lenda da Ponte de Gatín. Ademais, o alumnado puido gozar da recompilación de lendas realizada polo EDL, un valioso traballo que achega ás aulas a riqueza do noso patrimonio oral.
Foi unha maneira especial de celebrar o Samaín: lendo, escoitando e descubrindo que os lugares que nos rodean tamén gardan historias capaces de sorprendernos. Unha colaboración entre a biblioteca e o EDL que pon en valor a nosa lingua, a nosa cultura e a memoria da comarca.
Porque as lendas seguen vivas cada vez que alguén as le, as escoita e as volve contar!



Comentarios
Publicar un comentario