Día das letras galegas
Celebramos o Día das Letras Galegas na nosa biblioteca
Este ano, na nosa biblioteca quixemos sumarnos á celebración do Día das Letras Galegas cunha serie de actividades arredor da figura de Begoña Caamaño, autora comprometida coa lingua, a literatura e a defensa dunha visión renovadora e feminista da cultura galega.
Para achegar o alumnado á súa vida e á súa obra, organizamos unha exposición no hall do instituto, na que se recollían datos biográficos, fragmentos das súas obras e información sobre a súa traxectoria literaria e xornalística. A mostra converteuse nun espazo de encontro e descubrimento para toda a comunidade educativa.
Ademais, desde a biblioteca elaboramos un punto de lectura especial dedicado á autora, acompañado dunha selección das súas obras.
Como actividade participativa, tamén puxemos en marcha unha xincana literaria relacionada coa exposición do hall. Os alumnos e alumnas tiveron que resolver preguntas, buscar pistas e completar diferentes retos vinculados coa información exposta. A actividade permitiu aprender dunha maneira dinámica e divertida.
Con iniciativas coma estas, desde a biblioteca seguimos traballando para fomentar a lectura, a cultura galega e o coñecemento das figuras máis destacadas da nosa literatura. Agradecemos a participación de todo o alumnado e profesorado que colaborou nesta celebración das nosas letras.
Comentarios
Publicar un comentario