2026-Ano de Otero Pedrayo

 


No marco da celebración do Ano Oteriano, a nosa biblioteca e o equipo do EDL quixo render unha pequena homenaxe a unha das figuras máis destacadas da cultura galega: Otero Pedrayo. Aproveitando o Día do Libro, organizamos unha serie de actividades co obxectivo de achegar o alumnado á súa vida e á súa obra dun xeito accesible e significativo.

Un dos eixos principais foi a creación dunha exposición na entrada do noso instituto. A través de carteis elaborados con información clara e visual, o alumnado puido percorrer as distintas etapas da vida de Otero Pedrayo: desde a súa infancia ata a súa consolidación como intelectual, escritor e referente do galeguismo. Estes materiais permitiron contextualizar a súa traxectoria e comprender mellor a importancia do seu legado cultural e literario.





Ademais, ao longo da xornada do Día do Libro, leváronse a cabo lecturas en voz alta de fragmentos da súa obra. Estes momentos compartidos permitiron escoitar a riqueza da súa linguaxe e achegarse ao seu universo literario desde a experiencia directa da lectura. Foi unha oportunidade para poñer voz aos seus textos e para crear pequenos espazos de calma e reflexión dentro do ritmo do día.

A acollida por parte do alumnado foi moi positiva, participando con interese tanto na exposición como nas lecturas. Deste xeito, a biblioteca reafírmase como un lugar non só para ler, senón tamén para coñecer, valorar e difundir o noso patrimonio cultural.

Con iniciativas como esta, seguimos a traballar para que figuras clave da nosa literatura continúen presentes no día a día do centro, contribuíndo a formar lectores e lectoras máis conscientes e conectados coa súa cultura.

Deixamos por aquí as fotografías dalgúns dos participantes nas lecturas.

 Moitas grazas a todos.

 
























Comentarios

Entradas populares