Exposición na biblioteca “Escritoras galegas”
Con motivo da conmemoración do Día das Escritoras 2025 , o IES de Becerreá súmase a esta iniciativa promovida polas bibliotecas escolares a proposta da Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mujeres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas, pola igualdade de mulleres e homes na cultura.
Desde o ano 2016, esta celebración busca reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia, poñendo en valor as súas voces e contribuíndo á súa visibilización no ámbito literario e educativo.
Baixo o lema:“1975: Escribide, compañeiras!”
No noso centro, queremos sumarnos a esta conmemoración cunha exposición na biblioteca titulada “Escritoras galegas”, na que se recolle unha escolma de autoras e obras que forman parte fundamental do noso patrimonio literario e cultural. Ademais, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDL) realizou un vídeo conmemorativo que se proxectará na biblioteca durante os leceres da vindeira semana.
Como lembra Anna Caballé, comisaria da X edición do Día das Escritoras:
“As escritoras activas ao redor de 1975 reflicten en moitas das súas obras o desexo dun cambio profundo e radical nas vidas das mulleres, denuncian a falta de liberdade e de autonomía, dan testemuño do que ocorre fóra de España, esixen unha nova orde amorosa e un cambio nas leis que as veu marxinando durante o franquismo.”
Dende o IES de Becerreá convidamos a toda a comunidade educativa a visitar a exposición e participar nesta homenaxe colectiva ás mulleres que escriben, ás que abriron camiño e ás que seguen facendo da palabra unha ferramenta de liberdade e igualdade.






Comentarios
Publicar un comentario