25 de Novembro. A violencia de xénero foi e segue sendo unha das manifestacións máis claras da desigualdade, subordinación e das relacións de poder dos homes sobre as mulleres. Este tipo de violencia baséase e exércese pola diferenza subxectiva entre os sexos. En poucas palabras, as mulleres sofren violencia polo mero feito de ser mulleres, e as vítimas son mulleres de calquera estrato social, nivel educativo, cultural ou económico. A violencia de xénero é aquela que se exerce sobre as mulleres por parte de quen estea ou estivesen ligados a elas por relacións de afectividade (parellas ou ex-parellas). O obxectivo do agresor é producir dano e conseguir o control sobre a muller, polo que se produce de maneira continuada no tempo e sistemática na forma, como parte dunha mesma estratexia. Todos e todas debemos PLANTARLLE CARA á violencia machista que empobrece a nosa sociedade. Os malos tratos non son un asunto privado, é un problema social que se combate coa TOLERANCIA CERO ante calquera comportamento machista. A violencia de xénero constitúe unha lacra de carácter mundial, un atentado contra os dereitos humanos e a dignidade das persoas, que impide á nosa sociedade continuar avanzando pola senda do benestar e do progreso social que desexamos. A loita contra a violencia de xénero, é unha tarefa común. Hai que axuntar esforzos e compromisos, se queremos que a violencia de xénero desapareza. Temos o convencemento de que só a través dunha responsabilidade compartida entre o conxunto da cidadanía e os poderes públicos, poderemos erradicar definitivamente esta terrible secuela social

Comentarios

Entradas populares